O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu comezo ao seu plan formativo para o mes de setembro. A iniciativa comprende unha quincena de actividades, entre as que se inclúen cursos, obradoiros e seminarios. O prazo de inscrición xa está aberto a través dun formulario en liña e está dirixido a tres perfís principais: o Persoal Docente e Investigador (PDI), o estudantado e os profesionais do sector produtivo.
Entre as propostas formativas deseñadas conxuntamente para o PDI e o estudantado destacan temas como a intelixencia artificial aplicada á análise de datos en ciencias biomoleculares e tecnoloxía dos alimentos, o cálculo científico e técnico con PYTHON, as estratexias culinarias fronte á disfaxia e disxeusia, a aplicación de sensores e monitorización no gando vacún, o ámbito local como oportunidade, as ferramentas básicas de IA para a investigación, a xestión de residuos agrogandeiros e a introdución ao uso de Mathcad, un software para cálculos de enxeñaría e matemáticos.
Ademais, ofrécense actividades específicas para o estudantado, como o uso de follas de cálculo aplicadas á bioquímica, boas prácticas no emprego de LLMs, as posibilidades da educación baseada no lugar no contexto rural galego, a enxeñaría técnica industrial no sector das enerxías renovables, asesoramento para o emprendemento no rural (tamén aberto a profesionais) e a educación baseada no lugar e a pedagoxía dos coidados nas comunidades rurais de Galicia.




