A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de constituír o grupo de traballo para o deseño de Avanza Matemáticas, o novo programa de reforzo desta materia nos centros que máis o necesiten. Esta iniciativa, xunto co Avanza Lectura, forma parte do Marco galego para o impulso educativo posto en marcha pola Xunta de Galicia.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presidiu a primeira reunión deste equipo. O grupo está integrado por unha decena de docentes especialistas en matemáticas de distintos centros de Galicia, polo presidente da Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Apagema), Julio Rodríguez, e por técnicos dos servizos de avaliación e de formación da Consellería.
O obxectivo principal de Avanza Matemáticas é crear bases sólidas para a aprendizaxe desta materia, priorizando a comprensión e o dominio dos conceptos básicos fronte á acumulación de contidos. Incidirase especialmente no sentido numérico, o cálculo, a relación entre cantidades, o razoamento e a resolución de problemas. Ademais, traballarase na formación específica do profesorado nestes eidos.
Este programa enmárcase nun amplo paquete de medidas do novo Marco galego para o impulso educativo, enfocado á mellora integral e continua do sistema. Inclúe reforzos nas aprendizaxes clave como as competencias lectora e matemática, apoio ao profesorado, impulso da igualdade de oportunidades e adaptación aos retos tecnolóxicos e da intelixencia artificial.




