A Deputación de Pontevedra financiará integramente as obras que eliminarán a perigosa curva da rúa Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, cunha achega de preto de 400.000 euros procedentes do Plan +Provincia. A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres a achega, que permitirá ampliar a curva e renovar os servizos da vía.
O deputado provincial Javier Tourís anunciou en Vilagarcía de Arousa que a Deputación de Pontevedra asumirá o financiamento total da actuación. Esta intervención inclúe a incorporación de terreos privados de máis de 500 m2 á vía municipal. A achega enmárcase no Plan +Provincia 2026-2027, que destina a Vilagarcía de Arousa máis de 2,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027.
Javier Tourís explicou que o proxecto de delimitación e urbanización dos terreos cedidos ao concello mellorará significativamente a seguridade viaria ao eliminar un punto negro. A actual curva, moi pechada e estreita (3,8 metros de ancho), sen beirarrúas nin beiravías, será ampliada a entre 5 e 7 metros nalgúns tramos. A travesía, que ten apenas 2 metros de ancho, gañará superficie co retroceso do muro dunha finca. Ademais, renovarase a pavimentación, executaranse novos muros e valados, reporase a sinalización e realizaranse novas acometidas de saneamento, abastecemento e electricidade.
O deputado sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 dispón de 85 millóns de euros para proxectos municipais, destacando que é o plan de cooperación máis ambicioso da historia da Deputación. Tourís puxo en valor o compromiso co municipalismo e a autonomía dos concellos para decidir o uso dos recursos.




