Os fogóns volveron acenderse en Cortiñas, en Castrelo de Miño, para dar comezo á XXII edición da Festa da Codorniz. Esta cita gastronómica, que se integra nas festas en honra á Virxe da Asunción e San Roque, espera atraer centos de comensais durante tres xornadas.
Durante o evento, que se prolongará ata o domingo, servirase ao redor de 5.000 codornices preparadas á brasa. Estas irán acompañadas de empanada, polbo, viño de colleiteiros e adegas da zona, ademais doutros produtos locais.
A celebración volveu a congregar a centos de persoas, procedentes de diversos puntos da provincia de Ourense, pero tamén doutras zonas de Galicia. "A xente ven de todos lados, de Coruña, de Vigo; hai grupos que repiten, que están de vacacións, e tamén os emigrantes", explicou David Rial, presidente da comisión organizadora.
Rial sinalou que os cociñeiros son tres membros da comisión, mentres que preto de 30 veciños se encargan de atender as mesas. A organización tamén busca garantir o relevo xeracional incorporando xente nova a esta tradición iniciada por veciños maiores.
A programación festiva inclúe tamén concertos. Onte actuaron Recantareira, Iria González, Trío Karma e DJ Mario. Hoxe será a quenda de Sabia Fresaca, Trío Azar e DJ Mario, e o domingo a Banda de Gaitas de Celanova e o Dúo Marieta pecharán as actuacións musicais.
O domingo completarase a programación coa tradicional procesión fluvial, que percorrerá o encoro coa participación de dous ecobarcos e unha decena de embarcacións particulares, á que se anima a sumarse a todos os interesados.




