Santiago de Compostela acolle ata o 5 de setembro o XLII Congreso Nacional de Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos (SEIO 2026), un encontro que regresa á capital galega 37 anos despois da súa última celebración na cidade en 1989. O evento reúne preto de 600 investigadores, profesionais e especialistas de universidades, centros de investigación, administracións públicas e empresas.
Na sesión inaugural, a reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, destacou a importancia dos datos na sociedade actual, cualificándoos de "océano" polo que "navegar". Subliñou que ter máis información "non garante chegar mellor a destino" e que o traballo dos expertos é "converter os datos en coñecemento fiable e poñer ese coñecemento ao servizo de mellores decisións". Crujeiras tamén resaltou a "comunidade sólida" e a "gran capacidade de colaboración" entre as tres universidades públicas galegas nestas disciplinas, considerando a celebración do congreso en Compostela "un recoñecemento ao traballo de toda unha comunidade científica".
Ao acto inaugural tamén asistiron Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Mª José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves, presidentes do Comité Organizador; Manuel Febrero Bande, presidente do Comité Científico; Xoán Ramón Doldán García, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Juan Carlos Reboredo Nogueira, director do Instituto Galego de Estatística (IGE); Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e Mª Dolores Martínez Miranda, presidenta da SEIO. As actividades terán lugar principalmente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e no Auditorio de Galicia.
O congreso servirá de escaparate dos avances máis recentes en Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos, disciplinas fundamentais para analizar grandes volumes de información, xestionar a incerteza e optimizar recursos. A relevancia destas áreas cobra especial importancia no contexto da expansión da intelixencia artificial e do uso masivo de datos. O encontro busca presentar e debater novas metodoloxías e aplicacións, combinando avances teóricos con retos sociais.
O programa científico inclúe relatorios plenarios de recoñecidos investigadores internacionais como Peter Bühlmann (ETH Zürich), Irène Gijbels (KU Leuven), Jiming Jiang (University of California, Davis) e José Fernando Oliveira (Universidade do Porto). Tamén participarán os medallistas da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa Antonio Cuevas e Dolores Romero Morales.
Un dos debates centrais abordará o impacto da intelixencia artificial e a Ciencia de Datos na sociedade, explorando oportunidades e desafíos en ámbitos como a educación, a empresa, a saúde e a cidadanía. A mesa redonda 'Modelos, datos y sociedad: educación, empresa y ciudadanía en la era de la IA' contará coa participación de Senén Barro Ameneiro (CiTIUS-USC), Alberto Bugarín Diz (CiTIUS-USC), Juan Martínez (Plexus Tech) e Juan Turnes Vázquez (Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra), moderados por Belén Xestal Ares (Plexus Tech).
Ademais da dimensión científica, o congreso busca reforzar vínculos e favorecer redes de colaboración mediante actividades sociais e culturais. A organización corre a cargo dun comité presidido polos profesores María José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves, mentres que o comité científico está presidido por Manuel Febrero Bande e José María Alonso Meijide, con Wenceslao González Manteiga como membro de honra.




