O glioblastoma, un tumor cerebral de rápido crecemento e alta agresividade que afecta principalmente a persoas maiores, conta na actualidade con opcións terapéuticas limitadas. Un equipo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), dirixido por Yolanda Prezado, descubriu que a irradiación de radioterapia con minifeixes de protóns (pMBRT) fai máis vulnerable o tumor ao mesmo tempo que protexe mecanismos esenciais do cerebro san. Esta estratexia busca atacar o glioblastoma sen danar o tecido cerebral non afectado, un dos grandes retos da radioterapia.
O estudo, publicado na principal revista científica do campo da radioterapia oncolóxica, revela que a pMBRT non só distribúe a dose de xeito diferente, senón que desencadea respostas biolóxicas distintas no tumor e no tecido cerebral san. Segundo explica a investigadora Yolanda Prezado, "observamos cambios metabólicos asociados a unha potencial maior sensibilidade á radiación" no tumor. Pola contra, no cerebro san, a pMBRT "preserva proteínas relacionadas coas conexións e a función neuronal que poden verse afectadas tras unha irradiación convencional".
Este resultado é especialmente prometedor, xa que a mesma estratexia de irradiación parece inducir no tumor cambios que o fan máis vulnerable á radiación, á vez que preserva mecanismos esenciais do cerebro non afectado. Comprender esta dobre resposta axuda a explicar os resultados positivos observados en modelos preclínicos de glioblastoma e reforza o potencial da pMBRT para avanzar cara á fase clínica.
Recentemente, tratáronse nos EEUU os primeiros pacientes mediante MBRT con raios X de baixa enerxía, o que supón unha primeira proba de viabilidade clínica deste concepto de irradiación espacialmente fraccionada. A pMBRT traslada agora este principio ao uso de protóns, co potencial de combinar as vantaxes dosimétricas da protonterapia cos efectos biolóxicos asociados á irradiación con minifeixes.
Estudos previos en roedores xa reportaran efectos neuroprotectores a longo prazo tras a irradiación cerebral. Para investigar os mecanismos radiobiolóxicos subxacentes da pMBRT, o equipo do CiMUS realizou un perfil proteómico non dirixido comparando a pMBRT coa terapia de protóns convencional (TPC) nun modelo de glioblastoma en ratas. A pMBRT demostrou ser esperanzadora en modelos preclínicos e aplicacións clínicas temperás ao mitigar a toxicidade no tecido normal e mellorar o control tumoral. Estes achados resaltan a capacidade da pMBRT para sensibilizar os tumores á radiación e preservar o tecido cerebral, apoiando o seu potencial traslacional para o tratamento do glioblastoma.
O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02) e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).




