O proxecto, coordinado polo CNRS francés, congrega a 49 organizacións de 15 países, apoiadas por outras 86 institucións. A iniciativa busca facilitar o acceso do persoal investigador a instalacións de referencia como o CERN, GSI/FAIR ou GANIL.
Galicia contribuirá con recursos de computación cuántica e simulación analóxica a través do IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab. Os investigadores terán acceso remoto ao ordenador cuántico e aos recursos de emulación cuántica do CESGA, así como ao simulador cuántico analóxico do IGFAE, unha instalación única en España.
HADRON-2030 tamén inclúe formación para estudantes de doutoramento, investigadores posdoutorais, enxeñeiros e persoal técnico. O proxecto está financiado polo programa Horizonte Europa da Unión Europea co Grant Agreement n.º 101292522.




