O ciclo arrincará o xoves 6 de agosto coa actuación do grupo compostelán de rock alternativo Dogo, cuxos temas combinan atmosferas densas e melodías envolventes en galego. O trío, formado por Carlos Beiró, Xoan Escudero e Ángel Refojo, presentará o seu primeiro EP, Brutalismo.
A semana seguinte, do mércores 12 ao venres 14, o ciclo intensificarase. O 12 de agosto, o dúo lugués Galician Army ofrecerá un set especial de electrónica con alma galega, fusionando sintetizadores e estética retro.
O xoves 13 de agosto celebrarase a segunda edición do Atardecer Fest, centrado na música urbana. Actuarán o rapeiro estatal Israel B, a renovadora do hip hop Santa Salut e o novo valor galego Silee, quen mestura rap e trap con ritmos latinos e tradicionais.
Para pechar a programación o venres 14 de agosto, actuará Turista Sueca, un trío de Barcelona con membros do País Vasco, Andalucía e Galicia, que combina pop e electrónica cunha actitude punk.
Este ciclo, que cumpre a súa décimo sexta edición, conta co apoio de Cervezas Alhambra e traerá á Cidade da Cultura un total de 14 artistas. A selección inclúe o mellor da escena galega e artistas destacados doutras comunidades autónomas, enmarcada na campaña Para gustos, cultura do Goberno galego.




