A decisión da Xunta de Goberno Local de Ames facilita que a entidade Inmogalicia Real Estate S.L. asuma a execución dunha parte do proxecto orixinalmente concibido para 91 vivendas unifamiliares no sector S-02, Aspra do Vento. A nova promotora presentou unha renuncia parcial á licenza inicial, centrándose na edificación de 41 unidades.
Desde o departamento de Urbanismo do Concello, estase a traballar activamente para fomentar a construción de nova vivenda por parte de promotores privados. Esta estratexia busca atraer investimento, dinamizar o solo urbano e asegurar unha oferta de vivenda diversa e equilibrada que responda ás necesidades da veciñanza.
“"Avanzamos na concesión de novas licenzas de obra para a construción de nova vivenda, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda da veciñanza e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames."
O proxecto orixinal, concedido en marzo de 2007 a favor de Proinsa, non chegou a desenvolverse na súa totalidade. Agora, a nova entidade construrá 30 vivendas pareadas e 11 illadas, moitas das cales xa presentan diferentes graos de execución. A intención é concluír as obras conforme aos proxectos xa presentados.
As parcelas restantes, onde non se iniciaron as obras, poderían ser obxecto de novos proxectos con tipoloxías diferentes no futuro, tras a renuncia parcial da licenza concedida inicialmente.




