O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan estas axudas, cuxo obxectivo é mellorar a competitividade dos viños galegos fóra das fronteiras nacionais. O orzamento total ascende a 1,7 millóns de euros, distribuídos en 1,4 millóns para o exercicio de 2027 e 300.000 euros para 2028.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá, 20 de novembro, ata o 30 de decembro. As actuacións subvencionables abarcan todas aquelas accións de promoción desenvolvidas en mercados internacionais que contribúan á difusión e comercialización dos produtos vitivinícolas galegos, cun período de execución comprendido entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2027.
Poderán beneficiarse destas axudas os viños amparados por unha Denominación de Orixe Protexida (DOP) ou unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP), así como aqueles nos que se especifique a variedade ou variedades de uva de vinificación.
Entre os posibles beneficiarios inclúense empresas vinícolas, organizacións de produtores, asociacións, organizacións interprofesionais, entidades con actividade promocional, órganos de xestión de DOP e IXP, e asociacións ou cooperativas do sector vitivinícola.




