A oferta contempla un total de 40 prazas para os catro niveis da diplomatura, reservando oito delas para novas incorporacións. As persoas interesadas en acceder por primeira vez ao programa poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 30 de xuño. No caso de que a demanda supere as prazas dispoñibles, a admisión resolverase mediante sorteo público o 1 de xullo ás 9:30 horas no salón de plenos municipal.
O alumnado seleccionado poderá formalizar a matrícula a partir do 3 de xullo, seguindo o procedemento establecido pola USC. Os estudantes que xa forman parte do IV Ciclo deberán renovar a súa inscrición no curso correspondente —primeiro, segundo, terceiro ou cuarto— entre o 3 e o 9 de xullo de forma presencial no Concello, ou ata o 24 de xullo por vía telemática.
O próximo curso ofrecerá materias como Patrimonio Bibliográfico e Documental, Astronomía, Nutrición, Fundamentos do Dereito, Arte de Compostela e Medioambiente, todas elas impartidas por profesorado da USC. Cada alumno poderá matricularse en cinco ou seis asignaturas, cunhas taxas que oscilan entre os 195 e 225 euros para quen accede por primeira vez, e entre os 173 e 202 euros para o alumnado que continúa.
Ademais, as persoas que xa completaron a diplomatura poderán seguir ampliando a súa formación con materias complementarias. Esta proposta incluirá contidos sobre socioloxía da arte, arte románico no Camiño de Santiago e literatura, e a matrícula estará aberta do 18 ao 30 de xuño.
O Concello de Vilagarcía destaca a consolidación deste programa universitario, que xa permitiu a varios alumnos e alumnas completar os catro cursos de formación e continuar posteriormente con novas propostas educativas.




