O rapeiro de Muros, 9Louro, será o protagonista absoluto do ciclo de concertos gratuítos ao aire libre 'Atardecer no Gaiás', organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. A actuación terá lugar o xoves 9 de xullo e forma parte da xira de presentación do seu novo disco, Amorrer, lanzado a comezos deste ano.
Este concerto tamén se enmarca na campaña estival ‘Para gustos, cultura’ do Goberno galego, que prevé máis de 3.600 actividades en 200 municipios da Comunidade. Con tan só dous anos de traxectoria na música urbana, 9Louro xa colleitou unha considerable base de fans en Galicia. O seu álbum Amorrer explora as distintas facetas do romance con ritmos bailables, influencias do trap e elementos electrónicos, e inclúe colaboracións con artistas como West Srk, Dirty Suc, Chris Indian, Lil Chachi e Ortiga.
A actuación comezará ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura. Para facilitar o acceso, a liña 9 do autobús urbano chegará ata o Gaiás, e haberá un reforzo da liña C11 para o regreso, cunha saída prevista ás 22,45 horas.
Na seguinte semana, o ciclo 'Atardecer no Gaiás' presentará dúas novas propostas da música tradicional galega: Maricarme o xoves 16 de xullo e Unto Vello o venres 17 de xullo. Maricarme é un proxecto de Cibrán Seixo, María Jorge e Migui Carballido que fusiona a tradición oral con sons contemporáneos e electrónica. Unto Vello, creado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, reinterpreta o patrimonio inmaterial galego con acordeón, voz e percusión.
Esta edición de 'Atardecer no Gaiás' conta co apoio de Cervezas Alhambra e ofrecerá unha ducia de concertos gratuítos ao aire libre os xoves e venres ata o 14 de agosto.




