Estas accións formativas, desenvolvidas entre abril e xuño no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), tiveron como obxectivo reforzar as competencias do tecido empresarial galego nun ámbito estratéxico para a transformación dixital. Os cursos sumaron un total de 187 horas lectivas e abordaron áreas como a ciberseguridade industrial, os sistemas OT, os vehículos conectados, a análise forense de redes ou a seguridade en dispositivos IoT.
A iniciativa enmárcase no Programa RETECH Ciberseguridade, impulsado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e apoiado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). O programa busca fortalecer as capacidades tecnolóxicas e a especialización profesional no ámbito da ciberseguridade.
O alumnado valorou moi positivamente a formación recibida, outorgando unha puntuación media superior aos 9 puntos sobre 10 tanto á docencia como aos contidos. Destacaron o alto nivel técnico, a cualificación do profesorado e a utilidade práctica da formación para a súa actividade profesional. A taxa de finalización dos cursos situouse nun notable 93,5 %.
Os resultados foron presentados na comisión de seguimento celebrada esta semana, coa participación do director da Amtega, Damián Rey, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.




