O centro ofrece a pequenas produtoras e produtores a posibilidade de transformar os seus produtos agrícolas e desenvolver iniciativas empresariais sen ter que afrontar o investimento inicial dun obradoiro propio. Este modelo facilita os primeiros pasos dos negocios agroalimentarios e permite compartir recursos, coñecementos e experiencias con outras persoas emprendedoras.
Os resultados deste traballo reflíctense na evolución dos proxectos. Unha usuaria abriu o seu propio obradoiro de salsas tras desenvolver a súa actividade nas instalacións. Ademais, prodúcense elaboracións artesás que se incorporan a establecementos de restauración da contorna, contribuíndo a que o valor engadido dos alimentos permaneza no territorio.
A actividade do centro tamén inclúe formación e divulgación. O mércores, 28 de outubro, Transformando participará na Aula Aberta sobre conservas vexetais, zumes e marmeladas organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) en Ponteareas, onde se presentará o relatorio «Os espazos de traballo colaborativo na transformación e elaboración de produtos».
Durante este mes, o proxecto compartiu a súa experiencia en encontros sobre acción comunitaria e emprendemento. A xestora do espazo, Carme Freire, participou o 20 de outubro nun seminario da Universidade de Santiago de Compostela e o 22 de outubro no encontro dixital «Sementando o futuro».
Ademais, o centro colabora na exposición «O pequeno é grande» da Fundación RIA, onde participan 21 persoas usuarias, e recibiu a visita da asociación catalá Dones del Món Rural. Tamén colaborou co Concello de Brión e empresas de turismo sustentable na I Romaxe de Santa Minia, onde preto de 50 persoas coñeceron as instalacións.
A Deputación da Coruña facilita recursos para emprender no rural a través destes espazos, demostrando como a formación e o acceso a instalacións compartidas axudan a converter a produción local en oportunidades de negocio e emprego.




