Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) están a desenvolver Feito co Mar, unha iniciativa destinada a impulsar a elaboración de produtos derivados do peixe e marisco, como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos de V gama, con especial énfase nas técnicas artesanais. O proxecto prevé a posta en marcha de Viveiros Formativos de Emprendemento que ofrecerán dous programas en 2027: un de iniciación e outro de profesionalización, ambos orientados á formación práctica e ao acompañamento de proxectos innovadores.
Recentemente, os GALP mantiveron conversas coas confrarías para adaptar os contidos formativos ás particularidades de cada territorio. O obxectivo principal é valorizar a actividade pesqueira e fomentar a creación de novas empresas e actividades económicas ligadas á transformación dos produtos do mar, impulsando así a remuda xeracional.
A partir de outubro, presentaranse máis de vinte encontros informativos en concellos do litoral galego para detallar a programación dos Viveiros. Estes eventos servirán para informar sobre os programas formativos e captar proxectos de emprendemento que poidan ser impulsados.
Os Viveiros capacitarán de maneira práctica na transformación e elaboración de produtos pesqueiros, incluíndo o prototipado de novas propostas. Facilitaranse claves para o emprendemento colaborativo, abordando módulos sobre normativa, boas prácticas, técnicas de elaboración, envasado e etiquetado. Tamén se ofrecerá titorización para apoiar a constitución de novas iniciativas empresariais.
Carme Freire, responsable do programa formativo e parte do proxecto colaborativo Daquí darredor, liderará esta iniciativa.
Ademais, estanse a realizar entrevistas cos concellos para fomentar a súa participación na dinamización dos Viveiros e na creación de Espazos de Traballo Colaborativo enfocados á transformación de produto pesqueiro. En 2027, crearase un proxecto piloto baseado en experiencias como o Espazo de Traballo Colaborativo Monte Balado (Os Ánxeles. Brión) e propoñerase unha Rede que articule estes espazos entre os GALP participantes.
O proxecto, cofinanciado pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), beneficiará principalmente ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, así como a estudantes, programas municipais de emprendemento e persoas desempregadas.
Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.




