O alumnado da Universidade de Harvard está a analizar os centros de transformación alimentaria da Deputación da Coruña, situados en Baroña (Porto do Son) e Brión, como modelos de emprendemento sostible no medio rural. A deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, acompañou ao equipo na súa visita ao Centro Colaborativo e de Transformación Alimentaria de Baroña, a incorporación máis recente á Rede Provincial de Coworking e o único espazo especializado na transformación de produtos gandeiros.
A investigación, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2026, analizará a viabilidade económica, a xestión e as oportunidades de negocio de ambas as infraestruturas. O obxectivo é identificar fórmulas que permitan consolidar estes espazos compartidos, facilitando que os pequenos produtores locais transformen e comercialicen os seus produtos, xerando así maior valor engadido e oportunidades de emprego no rural. O equipo tamén avaliará os servizos que ofrecen e as posibilidades de desenvolver novas liñas de negocio.
Rosa Ana García salientou a importancia desta colaboración "para dar a coñecer e mellorar o modelo de centros de transformación que aplicamos na provincia da Coruña e que nos sitúan como referentes en economía circular no medio rural". A selección destes centros débese ao seu interese como exemplos de boas prácticas, baixo o título "Sostibilidade económica dunha infraestrutura colaborativa de transformación alimentaria".
O traballo forma parte do programa de aprendizaxe experiencial Global Consulting Practicum, vinculado ao Máster en Sustainability and Development da Harvard Extension School. O director do Máster, Michael Mortimer, sinalou que "este caso de estudio aborda el desafío de la despoblación del rural desde un enfoque innovador. Muchos de los desafíos son comunes a otras zonas del mundo, como la despoblación, los incendios o la gestión forestal. Son desafíos difíciles pero esperamos contribuir a afrontarlos".
A visita a Baroña forma parte do traballo de campo que o alumnado realiza en Galicia entre o 28 de setembro e o 5 de outubro. A xornada incluíu unha recepción institucional, unha presentación sobre os usos sostibles dos recursos locais e unha visita técnica ás instalacións do centro, concibido para que os pequenos produtores poidan transformar e comercializar produtos cárnicos na súa contorna. O equipo tamén visitará mañá o centro Transformando en Brión.
A Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña conta con doce espazos de traballo colaborativo, incluíndo tres obradoiros de transformación agroalimentaria en Baroña, Brión e Moeche, para impulsar o emprendemento e a actividade económica no territorio.




