A Xunta autoriza o cambio de uso de terreos en Boqueixón para plantar viñedos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático deu luz verde a 110 parcelas para uso agrícola na comarca do Ulla.

Imaxe xenérica de viñedos plantados nun terreo agrícola.
IA

Imaxe xenérica de viñedos plantados nun terreo agrícola.

A Xunta de Galicia autorizou o cambio de uso de case cinco hectáreas de solo forestal a agrícola no municipio de Boqueixón, co obxectivo de destinalas á plantación de viñedos.

A decisión da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático afecta a 110 parcelas situadas nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada. Estes terreos, cunha superficie total de 4,8 hectáreas, caracterízanse por ter unha pendente suave e por convivir con praderías, outras parcelas agrícolas e masas de arborado autóctono.
O informe de impacto ambiental emitido pola consellería non prevé efectos adversos significativos na zona da comarca natural do Ulla, sempre que o promotor cumpra cos condicionantes establecidos na documentación avaliada e na resolución autonómica.
O proxecto, impulsado por unha empresa do sector vitivinícola, foi tramitado mediante o procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada. Durante este proceso, a documentación foi sometida a participación pública sen que se recibisen alegacións de particulares. Ademais, a Xunta consultou a once organismos interesados, cuxas valoracións incorporan condicións específicas para o desenvolvemento da iniciativa.
Entre os aspectos analizados figuran a protección da atmosfera, a poboación e a saúde, as augas e cauces fluviais, o solo, as infraestruturas, o patrimonio natural e cultural, a xestión de residuos, a integración paisaxística, a restauración e a prevención de riscos. A actuación prevista inclúe a retirada da arborado existente, a preparación dos terreos, a hidrosementeira de taludes, o abonado, a colocación de postes e arame e, finalmente, a plantación das vides.
A resolución ambiental non exime ao promotor de obter o resto de autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente necesarios para executar o proxecto. A Xunta dará publicidade ao informe nos próximos días a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da consellería.