O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu ao inicio das catas, que contan con 98 mostras procedentes de 39 industrias queixeiras. Destacan 20 mostras da DOP Arzúa-Ulloa, 17 da DOP Queixo Tetilla, 13 da DOP San Simón da Costa e tres da DOP Cebreiro. Tamén participan cinco mostras de produción ecolóxica certificada polo Craega.
A modalidade de Artesanía Alimentaria cobra un protagonismo crecente, con 40 mostras e a incorporación de seis novas subcategorías que recoñecen a diversidade e innovación das elaboracións. Estas novas categorías distínguense segundo a maduración (frescos, de maduración media e curados), o tipo de leite (vaca, ovella ou cabra) e a incorporación doutros ingredientes ou tratamentos (queixos con segredo e de codia afinada).
Martín Alemparte destacou que a Artesanía Alimentaria impulsa novas elaboracións que combinan tradición e innovación, converténdose nunha vía de crecemento para o sector queixeiro galego. Tamén salientou a importancia do sector lácteo galego e o prestixio dos seus produtos, avalado polos recentes premios acadados en certames internacionais como os World Cheese Awards.
A Xunta promove a estratexia “Aquí Sabemos – Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia” para que os consumidores identifiquen produtos certificados. Os queixos mellor valorados recibirán os seus recoñecementos o vindeiro 24 de novembro en Santiago de Compostela.




