As actuacións, promovidas polo Concello e financiadas pola Xunta de Galicia con cargo á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, foron supervisadas hoxe polos técnicos do Goberno galego para elaborar a acta de comprobación. Na visita participaron o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira.
Na Raposeira, parroquia de Santa Leocadia de Parga, executouse unha rede de saneamento compacta de 250 e 200 mm de diámetro para recoller as augas residuais das vivendas. Instalouse un colector de 250 mm ao longo de todo o trazado, con ramais para dar servizo ás casas máis apartadas, e pozos de rexistro situados a unha distancia máxima de 80 metros entre eles.
No barrio do Buxío, próximo a Parga, construíuse unha rede de abastecemento de auga potable mediante tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro.




