A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto, que será levado a cabo pola empresa Excavaciones Pose SL por un importe de 59.290 euros. Esta actuación finánciase a través da primeira fase do POS+ Adicional 2/2025 e forma parte do plan municipal para a mellora de vías e infraestruturas nas parroquias e núcleos urbanos do municipio.
“"A capacidade hidráulica da infraestrutura actual resulta insuficiente, o que, unido a episodios climáticos adversos, provocou inundacións e o colapso parcial da ponte."
A nova obra de drenaxe ten como obxectivo principal garantir a seguridade tanto peonil como do tráfico rodado no vial, ademais de cumprir coas esixencias establecidas no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa. Os traballos comezarán coa demolición da estrutura existente e o movemento de terras necesario para a cimentación do novo pórtico, que será construído integramente con formigón.
Unha vez finalizada a estrutura, reafirmarase o camiño na contorna da obra e instalarase un pretil metálico sobre a ponte, prolongado cunha barreira de seguridade. O proxecto tamén contempla a rexeneración paisaxística da zona para integrar a nova infraestrutura no espazo fluvial e mellorar a seguridade do paso sobre o río Anduriña.




