O titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, puxo en valor o traballo continuo de Augas de Galicia para garantir a conservación dos ríos e anticiparse aos efectos do cambio climático. A visita centrouse nas actuacións que se están a levar a cabo no río Tomeza, en Vilaboa.
O conselleiro sinalou que estas labores teñen un triplo obxectivo: reducir riscos de desbordamento, favorecer a conectividade fluvial e conservar os ecosistemas. No caso do río Tomeza, os traballos abarcan 4,7 quilómetros, dos cales 3,9 discorren por Vilaboa e 800 metros polo Concello de Pontevedra. O fin é mellorar o estado da canle, tanto hidráulica como ambientalmente, facilitar a circulación da auga, corrixir problemas de erosión e eliminar especies exóticas invasoras.
Explicou que xa se completou unha primeira fase de retirada de árbores caídas e obstáculos, o que axuda a reducir o risco de desbordamentos. Actualmente, estase a executar unha segunda fase con obras de bioenxeñería, como a construción de muros krainer, estruturas de madeira deseñadas para estabilizar as marxes e conter a erosión.
“"Esta actuación non consiste só en limpar o río, senón que o recupera, mellora a súa capacidade hidráulica e reforza a conservación do ecosistema fluvial."
O mantemento dos ríos é crucial para evitar desbordamentos ante precipitacións intensas e para asegurar a circulación da auga en épocas de escaseza. Neste sentido, Vázquez Iglesias fixo un chamamento ao uso racional e responsable da auga, destacando que a activación da seca prolongada permite aos concellos xestionar mellor as súas reservas hídricas.




