O obxectivo deste encontro é explicar polo miúdo o cronograma e as características dunha actuación que contribuirá a mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade entre as parroquias de Combarro e Samieira.
A reunión celebrarase nas instalacións da Comunidade de Montes de Combarro e será aberta á participación de toda a veciñanza. Nela estarán presentes o alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto a representantes e técnicos da Xunta de Galicia.
Ángel Moldes destacou que o proxecto permitirá mellorar notablemente a accesibilidade e o tránsito, respondendo a unha demanda histórica da veciñanza e dando continuidade á senda do litoral. Subliñou que é unha actuación "moi realista, elaborada con moita sensibilidade e atendendo á realidade da zona e ás necesidades que os veciños levan anos trasladando".
O alcalde tamén lembrou que nos próximos días comezarán as obras de reforma do porto de Covelo, unha actuación que complementará a nova senda e mellorará a seguridade e a mobilidade na contorna. "Queremos que toda a veciñanza poida transitar de forma segura pola PO-308 e desfrutar tamén da mellora de toda a zona do peirao de Covelo", afirmou.
A nova senda peonil e ciclista terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e busca mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta nunha estrada cunha alta densidade de tráfico, por onde circulan arredor de 15.000 vehículos ao día.




