Veciños e visitantes poderán gozar de dez celebracións de magostos dende esta fin de semana e ata finais de novembro. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron o calendario, destacando "a implicación de todo o tecido asociativo local para manter viva unha tradición con moito arraigo no concello". O Concello conta cunha liña específica de axudas para apoiar estas festas, que tamén buscan "reunir á veciñanza e dinamizar a vida social das parroquias".
Repartiranse preto de 1.000 quilos de castañas asadas ao longo das dez citas, todas elas abertas á participación cidadá. A primeira celebrarase este venres, 30 de outubro, en Campelo, organizada pola asociación de veciños ás 20:30 horas, coincidindo co Samaín.
O venres 6 de novembro terá lugar o tradicional magosto da Casa Rosada, promovido polo Concello para as persoas maiores, ás 17:30 horas, con música e baile. O sábado 7 de novembro haberá dobre cita: en Combarro (Rualeira) ás 18:00 horas, organizada polo Ateneo Corredoira, e en Raxó (Centro Cultural Xaime Illa) ás 19:30 horas, pola Comisión de Festas.
A programación continuará o martes 10 de novembro co Magosto de San Martiño na Praza da Capela (ás 20:00 horas), organizado pola AC Laretas. O sábado 14 de novembro haberá magostos en O Sartal (espazo municipal, 19:30 horas) pola ACV Ronsel, e na Seca (20:00 horas) pola AV Boureante.
O domingo 15 de novembro, a SCD de Samieira celebrará o seu magosto na Comunidade de Montes Río de Bois (ás 19:00 horas). O sábado 21 de novembro, a asociación veciñal e cultural de Vilariño organizará o seu na rúa Vilariño de Abaixo (ás 20:00 horas).
Finalmente, a tempada de magostos pecharase o sábado 28 de novembro en San Salvador, cunha celebración organizada pola AC Viñas das Festas no adro da igrexa, a partir das 20:00 horas.




