O Certame Xaime Illa de Poio entregará os seus premios cun récord de participación

O Concello de Poio celebra as Letras Galegas cunha programación cultural que inclúe obradoiros, exposicións e a entrega de galardóns.

Imaxe xenérica dunha sala de lectura ou presentación literaria.
IA

Imaxe xenérica dunha sala de lectura ou presentación literaria.

O Concello de Poio celebrará as Letras Galegas cunha ampla programación cultural que inclúe a entrega dos premios do XXXIV Concurso Literario Xaime Illa Couto, que este ano acadou un récord de participación con 200 traballos presentados.

As actividades, pensadas para todos os públicos, desenvolveranse durante toda a fin de semana no Centro Cultural de Raxó. A programación comezará este sábado cun obradoiro creativo de globoflexia e maxia en lingua galega, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. A entrada será de balde ata completar aforo.
O domingo 17, a partir das 17.30 horas, terá lugar a entrega dos premios do XXXIV Concurso Literario Xaime Illa Couto. Esta edición é histórica pola elevada participación, con 200 traballos chegados de diversos puntos da xeografía galega, como Poio, Pontevedra, Santiago de Compostela, Cangas, Ourense, Tomiño, Valga, A Coruña, Teo, Nigrán, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

"A elevada participación, tanto do propio concello como doutros municipios galegos, consolida este certame literario edición tras edición."

o Concello
Tras a entrega dos galardóns, o público poderá asistir a un relatorio a cargo de Marta Dacosta Alonso, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e autora de numerosas publicacións sobre a lingua galega. O acto finalizará coa actuación da Escola de Música Tradicional de Poio, que interpretará o himno galego.
Ademais, durante todo o mes de maio, o Centro Cultural Xaime Illa acollerá a exposición De Circe a Morgana. Esta mostra, elaborada polo IES Castelao de Vigo, afonda na traxectoria e obra da escritora e xornalista Begoña Caamaño, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, dando visibilidade a unha escrita feminista que ofrece unha perspectiva orixinal dos mitos clásicos.