O Concello de Poio vén de adxudicar a humanización e mellora dos servizos na rúa Pedaporta, en Combarro, cun investimento de 252.590,15 euros que executará a empresa EC Casas. A actuación, financiada con fondos propios, contempla a renovación do firme, a integración da contorna, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a priorización do peón fronte ao tráfico rodado.
As melloras tamén resolverán o problema histórico de acumulación de augas pluviais mediante a súa recollida e evacuación, ademais de substituír a rede de abastecemento. Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, esta rúa é un eixo vertebrador da zona norte de Combarro, con accesos desde a PO-308 e próxima ao Centro de Saúde, á igrexa principal e ao aparcadoiro disuasorio municipal.
A rúa, moi transitada, presenta actualmente un importante fluxo de vehículos convivindo con peóns sen unha delimitación clara dos espazos, agravado polo mal estado do firme con afundimentos e fendas. O alcalde destacou que a actuación busca acadar unha contorna máis segura, accesible e homoxénea, mellorando a calidade de vida da veciñanza.
Unha vez formalizada a acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria dispón de cinco meses para executar a obra. Paralelamente, o Concello de Poio está a executar melloras no camiño da Escola en Chancelas e avanza nas obras de recuperación da contorna e mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón en Combarro. Tamén se actúa na Travesía do Muíño e no Camiño da Bouza en San Xoán.




