O orzamento, que será debatido no pleno de novembro, dá continuidade ao traballo do Goberno local, consolida os avances destes anos e prepara os servizos municipais para atender as necesidades dun concello en crecemento. O alcalde, Ángel Moldes, destacou que a prioridade son as persoas, conxelando impostos e taxas municipais e reforzando partidas que repercuten directamente no benestar e na calidade de vida.
Moldes sinalou que o concello é un dos poucos da provincia que aprobará o documento en tempo e forma, o que garante estabilidade na xestión e previsión de recursos. Destacou a estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica desde 2023, que prevé reducir a ratio de endebedamento do 60,43% ao 40,66% para o peche de 2026, demostrando un goberno máis eficiente e responsable.
En comparación co orzamento de 2025, as familias aforrarán 400.000 euros anuais grazas ás reducións fiscais xa aplicadas e á conxelación de impostos e taxas para 2027. Mentres, aumentan os ingresos por impostos sobre construcións e licenzas urbanísticas nun 33%, o que Moldes vincula á confianza xerada pola estabilidade e boa xestión para atraer investimentos e emprego.
A partida de Benestar Social será unha das máis importantes, preto de 2 millóns de euros, cun aumento de 300.000 euros para a nova licitación do servizo de axuda no fogar. Refórzase tamén a asistencia social, pasando dunha a tres traballadoras sociais, e destínanse recursos á atención temperá, conciliación, ao Centro de Información ás Mulleres e á educación familiar.
Para Cultura, Festexos e Educación mantense unha inversión de 1,12 millóns de euros, apoiando o tecido asociativo, a programación anual, a biblioteca municipal, o mantemento de colexios e as axudas para comedores escolares. Medio Ambiente contará con 761.000 euros, Obras e Servizos con 4,8M€, deportes con 465.000 euros e seguridade cidadá con 1,08M€, incluíndo o reforzo da Policía Local.
O orzamento tamén financia o transporte 'Poio en Ruta' durante todo o ano e reserva 80.000 euros para o proxecto da futura piscina municipal. Inclúense partidas para afrontar anualidades de proxectos en marcha con outras administracións, como os tanques de tormentas, o proxecto de abastecemento e depuración de augas con Acuaes, e obras de mellora no Peirao do Covelo e varias rúas. Tamén se destinan 9.500 euros para adquirir un terreo en Combarro ocupado sen autorización.
Ademais dos 15,2 millóns do orzamento municipal, Poio ten asegurados investimentos para 2027 doutras administracións e do novo contrato da auga. Actuacións como o Centro de Maiores, o Polígono de Fragamoreira, a humanización da PO-303 e a senda peonil na PO-308 comezarán ou continuarán. O novo contrato da auga prevé 15,4 millóns de euros en melloras das redes de saneamento e abastecemento.




