O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse ata o obradoiro Eferro, en Vila de Cruces, para coñecer a edición de novembro do evento Artesanía de Galicia en Merza. Alén subliñou a importancia desta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia dende marzo, na promoción do produto artesán galego, na revalorización dos oficios tradicionais e na dinamización do rural.
A feira, que conta coa colaboración do obradoiro Eferro, especializado na elaboración de zocos, reúne oito expositores de Artesanía de Galicia. Estes obradoiros presentan pezas de cerámica, feltro, bixutería, bordado, cerería e complementos de moda. A edición de novembro estará aberta ao público ata as 20:00 h.
Artesanía de Galicia en Merza é un programa de feiras mensuais promovido pola Fundación Artesanía de Galicia, a través do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Os expositores participantes nesta edición son Aloumiños do Ceo (Boiro), Latexar cerámica (Lugo), Latonqueen (Santiago de Compostela), María Aba (Ourense), Maruca Cerámica (Gondomar), Naturfelt (Cartelle), Nobelo a nobelo (Vedra) e Reina Lupa (Ribeira).
Ademais, no marco desta programación, celébrase un obradoiro gratuíto de estampaxe de faroliños a cargo de Amor ó teu estampaxe artesanal (Ames). Esta actividade está aberta a todos os públicos e non require inscrición previa.




