Os tres grupos políticos con representación municipal votaron a favor da proposta socialista, que incluía emendas do BNG, para impulsar a mellora, modernización e humanización do barrio de Mollavao. Este punto foi un dos aprobados por unanimidade na sesión plenaria deste luns, a última antes das vacacións estivais, xunto coa fixación dos festivos locais para 2027 e varias mocións do PP sobre limpeza, praias e o barrio de Monte Porreiro.
Unha vintena de veciños de Mollavao seguiron a sesión plenaria ata este punto, manifestando o seu "descontento veciñal coa falta de actuación e compromiso por parte do Goberno local", segundo explicou a Asociación Vecinal Mollavao. Tras a aprobación, os asistentes aplaudiron e abandonaron a sala.
O portavoz socialista, Iván Puentes, destacou que a moción chega "despois de anos de loita para que se estenda o modelo de cidade" a este barrio, que sofre "certas complicacións" administrativas. O edil de Servizos básicos, Xaquín Moreda, lembrou reunións coa asociación veciñal e xestións para a compra dun transformador e negociacións pola finca Malvar, ademais de traballos en cambios de sentido de circulación.
O popular Guillermo Juncal anunciou o seu voto favorable, esperando que a moción "non quede nun caixón" e asegurando que "con nós non haberá barrios abandonados". Pola súa banda, Puentes incidiu na necesidade de que as decisións sexan coherentes e sinalou que a execución dependerá en gran medida da Xunta de Galicia, especialmente en relación coa PO-546 e a restrición ao tráfico pesado, demandada polo vecindario.
A moción tamén inclúe a solicitude ao Ministerio de Transportes para buscar unha solución ao tráfico pesado pola autovía, aínda que se subliña que esta medida só tería sentido se a Xunta aplica a restrición na estrada vella.
A asociación veciñal valorou positivamente a coincidencia dos grupos municipais, pero agarda que "as boas palabras se traduzan en compromisos, prazos e actuacións concretas". Recoñecen a complexidade do barrio pola superposición de competencias entre administracións, pero recalcan que "non pode ser escusa para adiar indefinidamente as solucións". O portavoz do colectivo, Mateo González, alertou de zonas sen alcantarillado nin alumeado público e de décadas de "desamparo" mentres as responsabilidades pasan dunha administración a outra.
A asociación tamén reivindica a continuidade do diálogo e que as futuras actuacións sexan presentadas e consensuadas coa veciñanza. Invitan aos políticos a visitar o barrio e instan ao Concello a "actuar como interlocutor e exercer un papel activo ante a Xunta de Galicia, o Goberno de España, as concesionarias e as empresas privadas" para desbloquear os proxectos.
O PP rompeu a unanimidade noutros dous puntos: o convenio coa Fanpa para ludotecas (aprobado por BNG e PSOE) e a moción socialista sobre a exención do IBI a comunidades de montes (aprobada cos mesmos votos).
Houbo tamén debate sobre a limpeza municipal, a xestión de residuos e o contrato con Prezero, cuxo proxecto técnico da planta de compostaxe se presentará a próxima semana. Criticouse a implantación "a dúas velocidades" do novo contrato entre a cidade e o rural.
A polémica institucional entre a Deputación e o Concello pola elección do lugar para a pantalla xigante da final do Mundial tamén tivo eco. O portavoz do PP, Rafa Domínguez, acusou ao alcalde de "aguar a festa" e cuestionou a xestión municipal e a elección de lugares para eventos, mentres o edil Xaquín Moreda (BNG) acusou a Domínguez de mentir sobre as solicitudes realizadas. Iván Puentes (PSOE) criticou a escasa execución orzamentaria do PP na Deputación.




