A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dun día todas as prazas dispoñibles para participar nos percorridos de setembro do programa +Bosques, as últimas desta edición. Esta iniciativa, que busca o contacto directo coa natureza e os beneficios dos baños de bosques, ofrecerá oito rutas en seis espazos naturais da provincia, con grupos reducidos de 15 persoas.
Os percorridos finais de +Bosques en 2026 terán lugar na contorna do río Lérez (Pontevedra) os días 5 e 26 de setembro; na contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 6 e o 27 de setembro; no Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 12 de setembro; nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) o 13 de setembro; no parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro; e finalmente, no río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro. Cada xornada haberá dúas quendas, ás 10:00 e ás 10:30 horas, sumando un total de 240 participantes durante setembro.
As visitas están deseñadas para integrar o patrimonio natural e cultural de cada contorna, configurándose como experiencias terapéuticas. Converxen a educación ambiental, a promoción e protección do patrimonio natural e cultural, e a promoción da saúde, co obxectivo de que os participantes desconecten da rutina e adopten hábitos saudables.
Este ano, +Bosques xa chegou a sete espazos da costa e do interior da provincia, como o río Barosa (Barro), Carboeiro (Silleda), a illa de Tambo (Poio), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), o río Maneses (Campo Lameiro), o río Lérez (Pontevedra) e as fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga), para dar a coñecer a biodiversidade da provincia.
As rutas buscan ofrecer unha experiencia de estímulos sensoriais (olfacto, tacto, vista, oído, gusto) a través de exercicios físicos e psicolóxicos, fomentando a conexión directa coa natureza e a comprensión do método de aplicación do baño de bosque.




