O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe as renovadas instalacións da Biblioteca Municipal de Poio, na provincia de Pontevedra. A intervención, que supuxo un investimento de preto de 20.000 euros, centrouse na renovación do mobiliario bibliotecario e do pavimento.
Esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego coa "excelencia e calidade" de todas as dotacións culturais locais de Galicia. López Campos destacou a importancia destas melloras para facilitar o acceso á programación cultural en todo o territorio, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible.
O conselleiro sinalou que a biblioteca, integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia desde 2019, moderniza as súas infraestruturas para ofrecer as mellores condicións á cidadanía, independentemente da súa localización xeográfica.
López Campos emprazou á veciñanza a gozar das novas posibilidades que ofrecen as instalacións renovadas, en consonancia cos plans da Consellería para a actualización de equipamentos culturais. Subliñou que Galicia é pioneira en Europa en lexislación sobre inclusividade e accesibilidade cultural.
Ademais, puxo en valor o programa da Xunta de Galicia "Ler conta moito", que este ano achega actividades de dinamización da lectura a 190 concellos galegos.




