O titular de Cultura do Goberno galego destacou que a retirada das estadas comezará este mesmo mes, co obxectivo de que estean concluídas a finais de xullo. Deste xeito, celebrou que as actuacións rematen a principios de agosto, permitindo que "se poida gozar das tradicionais festas na súa honra co esplendor que merece este valioso patrimonio".
A intervención, cun investimento da Xunta de máis de 300.000€, centrouse en resolver as patoloxías causadas polas humidades que afectaban principalmente á cuberta e ás fachadas. As obras incluíron a substitución da cuberta de chumbo por unha de zinc, impermeabilizacións, reparación de canlóns, protección das gárgolas e o cambio da pasarela de madeira por unha metálica. Tamén se restauraron elementos escultóricos como a balaustrada, os pináculos, as cornixas e as imaxes da Virxe da Peregrina, Santiago, san Roque e a da Alegoría da Fe.
López Campos salientou a importancia desta actuación para manter nun estado de conservación "óptimo e axeitado" un "ben sobranceiro, simbólico e querido pola veciñanza de Pontevedra", enxalzando a súa relevancia "cultural e turística" como "visita imperdible".
O conselleiro lembrou que esta intervención forma parte das actuacións de restauración en "bens significativos" do patrimonio da cidade, como a basílica de Santa María a Maior, á que se destinaron 550.000€. Estas accións enmárcanse na estratexia do Goberno galego para "reforzar o coidado e preservación" do patrimonio de Galicia.
Ademais, encadrou estas restauracións no compromiso da Xunta coa "conservación, mantemento e posta en valor dos nosos valiosos bens patrimoniais". Destacou que os Orzamentos de 2026 reservan 22 M€ para a área de Patrimonio, e máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro.




