A creatividade xuvenil pontevedresa tivo o seu epicentro este sábado pola tarde no salón de actos do Pazo da Cultura coa celebración da gala de entrega de premios do certame 'Ben Veñas, Maio'. Este evento, organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración cos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino secundario da cidade, destacou o talento do estudantado local.
A gala, presentada polas alumnas Alicia Rivera e Elaia (4º de ESO do IES A Xunqueira 2), non só incluíu a entrega de galardóns, senón que tamén ofreceu ao público a oportunidade de gozar do talento musical local. Actuaron as dúas propostas seleccionadas na I Mostra Musical Ben Veñas, Maio: o solista Charly (Carlos Blanco), do IES Sánchez Cantón, e o dúo Meigas, formado por Sara Martínez Filgueira e Julia Falcón Félix, do IES A Xunqueira 2.
Os premios, consistentes en vales para a compra de libros e material de papelaría, foron asignados polo xurado o pasado 25 de maio. O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira, xunto a diversos representantes dos equipos de normalización lingüística (ENDL) dos centros participantes, como Xoán Xosé Pérez Viéitez (IES A Xunqueira 1), Lucía Novas Garrido (IES Torrente Ballester) e Manuel Xiráldez Leal (IES A Xunqueira 2), coordinador da edición, fixeron entrega dos recoñecementos.
No XXV Certame de Fotografía, o primeiro premio foi para Daniela Santos Costa (1º de bacharelato, IES A Xunqueira 1). No XXXIII Certame de Banda Deseñada, Lucía Crespo Teijeiro (3º da ESO, IES Sánchez Cantón) gañou na Categoría A pola obra Soños, mentres que Sabela Sánchez Ortiz (bacharelato, IES A Xunqueira 1) obtivo o primeiro premio na Categoría B con A biblioteca, e Miguel Ángel Uribe (1º de bacharelato, IES A Xunqueira 1) o segundo.
No XXXIII Certame de Narración Curta, Santiago Fernández López (2º da ESO, IES Torrente Ballester) alzouse co primeiro premio na Categoría A por Destecendo vellos mitos, e Hugo Mirón Ares (2º da ESO, IES Sánchez Cantón) co segundo por No momento no que virou. Na Categoría B, Alicia Rivera Bonilla (4º da ESO, IES A Xunqueira 2) gañou o primeiro premio con O porco para o san Martiño, e Noa Pousada Martínez (1º de bacharelato, IES A Xunqueira 1) e Bruno López Piñeiro (4º da ESO, IES A Xunqueira 2) obtiveron segundos premios por Maruxa e Son parvo, respectivamente.
No XXV Certame de Poesía, Sofía Estévez Vázquez (1º da ESO, IES Torrente Ballester) foi a gañadora do primeiro premio na Categoría A. Na Categoría B, Cecilia Casal García (4º da ESO, IES Sánchez Cantón) obtivo o máximo galardón por As fillas do naufraxio. Tamén houbo segundos premios para Xiao Fernández López (3º da ESO, IES Sánchez Cantón) por Soneto do mal amador, e para Bruno López Piñeiro (4º da ESO, IES A Xunqueira 2) por Miña filla, converténdose así no estudante con dobre galardón.
Finalmente, na I Mostra Musical Ben Veñas Maio, os recoñecementos foron para Carlos Blanco Rodríguez (Charly), do IES Sánchez Cantón, e para o grupo As Meigas, formado por Sara Martínez Filgueira e Julia Falcón Félix, do IES A Xunqueira 2.




