A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, informou que o Concello contactou coa asociación Asovedra ante a posibilidade de enviar axuda ao país suramericano. "Están traballando xa", explicou Gulías, quen manifestou a súa solidariedade co pobo venezolano polo "difícil trance que está pasando".
O colectivo, con sede na Casa Azul, está a coordinar unha resposta de axuda dende Pontevedra para cubrir as necesidades que poidan xurdir despois das tarefas de salvamento, que continúan nas zonas afectadas polos sismos.
Os venezolanos constitúen a principal poboación estranxeira na capital provincial. Segundo os datos máis recentes do Padrón municipal, correspondentes ao exercicio de 2024, residen en Pontevedra un total de 938 persoas de nacionalidade venezolana.




