O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, realizou a súa primeira visita á residencia pública de maiores de Campolongo dende que tomou posesión do cargo. O obxectivo principal foi coñecer de primeira man o funcionamento do centro, as súas instalacións e o labor diario dos profesionais na atención ás persoas usuarias.
Durante o percorrido polas distintas dependencias, o delegado interesouse polos servizos que se prestan e puido comprobar os resultados das importantes actuacións de renovación executadas pola Xunta de Galicia.
A renovación integral da residencia supuxo un investimento de preto de 4 millóns de euros. As obras centráronse na modernización das instalacións, a mellora da fachada, a reordenación dos espazos comúns para facelos máis funcionais e facilitar novos servizos, así como o reforzo da eficiencia enerxética e a accesibilidade coa instalación de dous novos ascensores.
“"É unha mostra do compromiso da Xunta por ofrecer unhas instalacións modernas, accesibles e adaptadas ás necesidades das persoas maiores, garantindo unha atención da máxima calidade."
Fernández subliñou que a mellora continua da rede pública de centros residenciais é unha prioridade do goberno galego para proporcionar aos usuarios espazos máis confortables, seguros e funcionais.
Así mesmo, o delegado territorial agradeceu o traballo do persoal da residencia, destacando a súa profesionalidade e dedicación. Comprometeuse a seguir impulsando actuacións que melloren os recursos e servizos destinados ao benestar das persoas usuarias e avancen cara a unha atención máis personalizada e de maior calidade.




