A cidade de Pontevedra honrou onte á súa patroa, a Virxe Peregrina, cunha procesión nocturna que congregou a miles de fieis. O percorrido, un dos actos máis importantes da semana festiva, comezou pasadas as 21 horas dende o santuario homónimo.
A imaxe da Virxe, obra do século XIX, foi portada na carroza procesional da Cofradía Virgen Peregrina, conducida por nenos e nenas vestidos de peregrinos. Numerosas autoridades políticas, incluíndo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, José Lopez Campos, tamén participaron no evento. Tamén estiveron presentes cargos da Deputación de Pontevedra e concelleiros dos grupos municipais.
A procesión contou coa participación de representantes de distintas entidades e asociacións, así como membros da Policía Nacional, Garda Civil e a banda da Brilat.
Tras a finalización do percorrido, a asociación Duas Pontes interpretou a tradicional danza gremial de cintas, unha peza recuperada no ano 1992 que data do século XVIII e que tivo unha gran acollida entre os asistentes.
O calendario relixioso das Festas da Peregrina continuará esta semana con citas como a misa solemne e procesión de Santa María o sábado 15, e a misa solemne e procesión de San Roque o domingo 16.




