O obxectivo desta contratación é garantir unha execución eficaz, ordenada e segura do conxunto de actividades necesarias para o traslado e posta en funcionamento do novo hospital público pontevedrés. O contrato inclúe a definición do procedemento para o traslado do mobiliario e equipos, así como asistencia técnica e apoio na recepción do equipamento de nova adquisición.
O responsable do servizo deberá realizar un inventario previo e xestión de espazos, identificando o emprazamento físico de cada elemento nos distintos servizos e dependencias. Tamén se valorarán os equipos críticos e as limitacións loxísticas asociadas ao seu traslado.
Establecerase a secuencia de execución do traslado cun cronograma detallado, configurando equipos de traballo multidisciplinares. Prevese tamén a planificación do traslado de pacientes, a acollida de usuarios e profesionais, e o funcionamento simultáneo de servizos cando sexa preciso.
Elaborarase un plan específico para a xestión, traslado e protección da documentación confidencial, conforme á normativa vixente, e definiránse os procedementos para a xestión e traslado dos residuos xerados durante o proceso.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 24 de agosto para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de 9 meses, con cinco meses para planificación, un para supervisión e tres para a execución material do traslado. A posta en funcionamento de radioterapia non se inclúe neste cronograma e está prevista para este ano.
O Servizo Galego de Saúde completará este ano o investimento de máis de 30 millóns de euros na dotación de equipamento para o Novo Hospital Montecelo. A previsión é investir 10.351.093 euros en 2026, sumándose aos 21.700.686 euros xa investidos en 2024 e 2025. O Goberno galego busca dotar á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dun complexo sanitario moderno e eficiente.




