A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Jorge Cubela, asinaron os convenios para financiar estas actuacións. O Fondo de Cooperación da Xunta achega un préstamo de arredor de 75.000€, sen xuros, destinado á rehabilitación de patrimonio construído en municipios de menos de 50.000 habitantes.
Grazas a estes acordos, o Concello de Cerdedo-Cotobade adquirirá dous inmobles no núcleo de Parada para acondicionalos e transformalos en vivendas en réxime de alugueiro. O obxectivo é recuperar o patrimonio, incrementar a oferta pública residencial, fixar poboación e poñer en valor a zona.
Ademais, no marco deste programa autonómico, tamén se asinou outro convenio para que o Concello poida desenvolver o proxecto básico e de execución dun chiringuito na zona de Pozas.
O Fondo de Cooperación da Xunta, dotado na actual convocatoria con máis de 3 millóns de euros, financia actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Os préstamos son sen xuros e poden devolverse nun prazo máximo de 8 anos.




