A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou hoxe a ampla e variada programación que ofrece o programa Modo Verán Activo na provincia de Pontevedra, con máis de 2.100 prazas dispoñibles para que a cativada aproveite ao máximo o seu tempo de lecer estival.
Meneses fixo estas declaracións durante a súa visita aos participantes do campamento Aventura na granxa, celebrado en Tomiño, unha das propostas incluídas na campaña de verán da Xunta na provincia. Alí, gabou o traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para manter esta campaña, que xa é un referente a nivel estatal, á vangarda.
A campaña de verán da Xunta a nivel galego conta cun total de 11.932 prazas, a maior oferta da súa historia. A directora xeral animou á mocidade a gozar destes días, coñecer novas amizades e probar actividades diferentes.
En concreto, as instalacións da granxa escola Corazón de Carballo en Tomiño acollen este verán 70 mozos e mozas en dúas quendas, desde o 20 de xullo ata o 7 de agosto. Os participantes realizan dinámicas sobre o coñecemento de animais, horta ecolóxica e compostaxe, ademais de obradoiros ecolóxicos e actividades de aventura como técnicas de orientación, supervivencia e rastrexo con contido cultural.
Nestes mesmos espazos tamén se celebrarán catro quendas do minicampamento Pequeaventura na granxa, que acollerán a 140 rapaces.
A maioría das 11.932 prazas ofertadas concéntranse na modalidade de campamentos para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, cun total de 8.050 prazas distribuídas en 36 instalacións nas catro provincias galegas. A campaña complétase cos minicampamentos Coñece Galicia (876 prazas) e actividades de ocio educativo para mozos de 18 a 30 anos (160 prazas).
Ademais, os campos de voluntariado, destinados a maiores de 18 anos, incrementan as súas prazas ata as 815. A Consellería tamén cede o uso das instalacións xuvenís a asociacións, entidades e corporacións locais para a realización de plans relacionados coa mocidade.




