A iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá aos participantes gozar das vantaxes dos chamados “baños de bosques” nun total de 20 percorridos. Cada quenda terá 15 persoas e desenvolveranse en espazos naturais de varios concellos da provincia.
Os percorridos de agosto comezarán o día 1 na contorna do Río Lérez (Pontevedra), percorrido que se repetirá o 23 de agosto. Continuarán pola Barosa (Barro), os días 2 e 29 de agosto; polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 8 e 30 de agosto; pola Illa de Tambo (Poio) o 9 de agosto; por Valga o 15 de agosto; pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 16 de agosto; e pola contorna do río Maneses no Campo Lameiro o 22 de agosto.
Este ano, +Bosques chegará a sete espazos da costa e o interior da provincia, permitindo coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas buscan proporcionar unha experiencia de estímulos sensoriais (olfacto, tacto, vista, oído, gusto) e exercicios físicos e psicolóxicos para fortalecer os lazos co medio natural.
O prazo para inscribirse nas últimas rutas de +Bosques, que terán lugar en setembro, abrirase o 24 de agosto ás 9:00 horas.




