A tempada, que comezou co obxectivo de manter a categoría, rematou co broche de ouro: o salto á elite. O club pontevedrés desexa que a próxima campaña compitan as mesmas xogadoras que lograron esta fazaña, reforzadas con algunhas incorporacións.
O conxunto, formado por Mariña García, Alba Prado, Emma Álvarez, Susana Costa, Alba Álvarez e Jiaqi Guo, afrontou o duelo contra o Sanse coa motivación e o respecto que requiría este play-off. A pesar do 4-0 final, os encontros foron moi axustados, segundo apunta Nando Álvarez, adestrador do equipo.
O equipo feminino fixo revivir á afección o soño que hai oito anos levou ao club a ascender á Superdivisión masculina. No primeiro duelo, Mariña García impúxose á súa rival (3-1), iniciando con bo pé o camiño cara á máxima categoría. Susana Costa e Jiaqi Guo tamén sumaron vitorias contundentes (3-0) ante un San Sebastián de los Reyes que esixiu, pero non puido facer nada.
A guinda púxoa de novo Mariña García cun 3-1 no duelo final, que redondeou o 4-0 global. "A progresión destas nenas é moi grande", recoñece Nando Álvarez, "todas conseguiron títulos a nivel nacional e agora reflectiuse no equipo".
O Pavillón Príncipe Felipe arroupou ao conxunto pontevedrés, xerando unha atmosfera que axudou ás xogadoras a afrontar a fase de ascenso, decidida a partido único. "Sempre se xera unha atmosfera que che axuda", confesa Álvarez sobre a responsabilidade que isto implica.
Agora, o club deberá falar coas administracións para coñecer o apoio que terán. "A idea principal deportiva é que estas nenas xoguen na máxima categoría", expón Nando Álvarez. Desde o CTM Monte Porreiro saben que será difícil e intentarán axudalas cun reforzo para ser máis competitivas, aínda que o núcleo principal serán as xogadoras actuais.
Álvarez destaca a aposta do club pola canteira, "e sobre todo o apartado feminino", á vez que lembra a necesidade de "un centro de tecnificación".




