A mobilización, que percorreu as rúas viguesas, tivo lugar poucas horas antes dun encontro crucial entre os representantes sindicais e a patronal. Esta reunión, fixada para este venres no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), en Redondela, busca desbloquear a negociación e acadar un preacordo que poña fin ao conflito.
Os sindicatos cualificaron a convocatoria como un paso positivo, pero insistiron en que non aceptarán propostas insuficientes. As centrais sindicais reclaman melloras salariais, medidas contra o estrés térmico e unha xornada laboral continua, advertindo que a loita non rematará ata conseguir un convenio que garanta a estabilidade do sector.
“"Queremos salarios dignos, subrogación, xornada continua, medidas contra o estrés térmico."
Durante a xornada de protesta rexistráronse algunhas incidencias puntuais, como a queima de colectores en rúas de Vigo e un corte de estrada na PO-548, á altura de Valga. A pesar destes feitos, os sindicatos valoraron a xornada como un éxito e fixeron un chamamento á unidade de todo o sector para manter a presión se a patronal non presenta unha proposta seria na mesa de negociación.




