A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana os percorridos do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que xa ten todas as prazas esgotadas e que promove o contacto directo coa natureza a través dos baños de bosque. As actividades terán lugar este sábado 8 de agosto no Pazo de Lourizán e o domingo 9 de agosto na illa de Tambo, coa participación de 60 persoas en total.
O sábado, os participantes visitarán o Pazo de Lourizán, coñecido polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 con fins investigadoras e didácticos. O domingo, na illa de Tambo, descubriranse elementos naturais como taffonis e dunas, ademais de patrimonio histórico como o peirao, o faro ou o antigo albergue.
Esta edición de +Bosques chegará a sete espazos da provincia, destacando a súa biodiversidade e ecosistemas. As rutas buscan ofrecer unha experiencia de conexión coa natureza mediante exercicios sensoriais, físicos e psicolóxicos para fortalecer os lazos co medio natural pontevedrés.
Os percorridos continuarán en agosto por Valga (15 de agosto), o mosteiro de Carboeiro en Silleda (16 de agosto), o río Maneses no Campo Lameiro (22 de agosto), o río Lérez en Pontevedra (23 de agosto) e Barosa en Barro (29 de agosto), tamén con todas as prazas cubertas. As datas de setembro poderán consultarse na web institucional, abrindo inscricións o 24 de agosto ás 9:00 horas.




