Domínguez manifestou que a retirada do punto débese a que "Lores sabe que o ía perder" e lembrou que "calquera tema do PIA ten que ser aprobado en Pleno, non chega con que sexa aprobado por Xunta de Goberno". O líder popular referiuse a dúas actuacións concretas nos viais que, segundo a súa opinión, "van en contra do que pensamos no Partido Popular".
Un dos viais que o alcalde quere "facer practicamente peonil" e que, segundo Domínguez, "non ten que ser así". O segundo caso é un vial sobre o que os "veciños nos solicitaron que non se faga como quere Lores", engadiu o portavoz do PP.
O representante do Partido Popular instou ao rexedor pontevedrés a dialogar co seu grupo municipal "se quere aprobar algo", e engadiu que a decisión de retirar o punto "demostra a súa enorme debilidade". "Lores está en minoría. O PP gañou as eleccións e para evitar unha dolorosa derrota o retira do Pleno", sentenciou.
O alcalde de Pontevedra tomou a decisión de retirar as alegacións ao PIA de San Amaro do Pleno do pasado mércores, 22 de xuño, ante a negativa do PP a aprobalas na comisión informativa previa. O rexedor local considera que "Non ten sentido que o Concello ditamine en contra dun proxecto transcendental para Pontevedra" e recriminou ao representante do PP que non explicase as razóns da súa oposición.




