Detido en Pontevedra por ameazar e agredir a axentes nun control de tráfico

Un individuo foi arrestado por resistencia e desobediencia tras insultar e intentar agredir a axentes da Policía Local durante unha proba de alcoholemia.

Imaxe xenérica de luces de emerxencia reflectíndose sobre asfalto mollado pola noite.
IA

Imaxe xenérica de luces de emerxencia reflectíndose sobre asfalto mollado pola noite.

A Policía Local de Pontevedra detivo a semana pasada a un individuo por un presunto delito de resistencia, desobediencia e atentado contra os axentes da autoridade, tras un grave altercado nun control de tráfico.

Os feitos tiveron lugar o 7 de maio, ao redor da 1:30 horas, cando unha patrulla realizaba unha proba de alcoholemia a un condutor. O acompañante do vehículo comezou a dirixirse aos axentes con insultos e ameazas, chegando a facer xestos de cortar o pescozo coa man, segundo informou a Policía Local.

"Fillos de puta, porcos, galegos de merda, sodes noxentos, vouvos matar."

o detido
A proba de alcoholemia do condutor arroxou un resultado de 0,69 miligramos de alcohol por litro de aire expirado, superando amplamente o límite legal de 0,25. Os axentes intentaron sen éxito que o acompañante se acougase, quen tamén insultou a un familiar do condutor que acudira ao lugar para facerse cargo do coche, o que levou a que esta persoa finalmente non o retirase.
A situación agravouse cando se solicitou a retirada do vehículo por parte do guindastre municipal. O individuo intentou evitar a toda costa esta acción, desobedecendo as ordes dos axentes e intentando agredilos. Durante o forcexo, tamén lles cuspiu e insultou. O seu comportamento agresivo mantívose mesmo despois do arresto, xa que golpeou varias veces a ventá do vehículo policial durante o seu traslado.