A Deputación de Pontevedra aprobou un proxecto para dotar de accesibilidade ao pavillón de Príncipe Felipe, cun investimento superior aos 46.000 euros. Esta actuación enmárcase na promoción da igualdade e a inclusión no deporte, mellorando unha instalación clave que acolle eventos deportivos de ámbito autonómico, nacional e internacional.
Actualmente, o pavillón carece dun itinerario accesible e de aseos adaptados. Por iso, a institución provincial levará a cabo unha reforma parcial para crear aseos accesibles no acceso leste. Esta intervención implicará a mellora das condicións de accesibilidade e o desmontaxe da plataforma salvaescaleiras existente.
Os novos aseos contarán con acabados de calidade, incluíndo baldosa de gres porcelánico antideslizante, paredes revestidas con gres e pintura plástica, ademais de lavabos de porcelana e inodoros adaptados con elementos de axuda.
Estas melloras súmanse aos 5,5 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra destina ao Centro Príncipe Felipe neste 2026, ano que conmemora o 50 aniversario da súa inauguración. Segundo o deputado delegado do centro, Pablo Castillo, estes fondos servirán para "mellorar as súas infraestruturas e consolidar este espazo de valor incalculable para Pontevedra e o conxunto da provincia".




