Nos últimos tres anos de goberno de Luis López na Deputación de Pontevedra, mellorouse cualitativa e cuantitativamente a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento da igualdade e á loita contra a violencia de xénero. Estas axudas van dirixidas tanto a concellos como a entidades de iniciativa social. Ademais, creouse o Ateneo Provincial pola Igualdade e puxéronse en marcha os Premios ás Boas Prácticas en Igualdade.
A deputada Paula Bouzós destacou que a institución se converteu nun referente na área da Igualdade, demostrando que é posible avanzar na construción dun mundo igualitario e xusto a través do diálogo e o consenso. Remarcou a consolidación dun modelo de traballo máis próximo e avanzou pasos cara a unha sociedade onde homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades.
As axudas para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero para entidades sociais experimentaron un crecemento do 37,5%, e o número de proxectos financiados tamén se incrementou nun 27,5%. Neste período, asináronse convenios de colaboración con entidades de referencia na provincia como ADICAM, Libélulas, ACADAR ou FEMUPO.
No que respecta aos concellos, o importe máximo por proxecto aumentou ata os 7.000 euros, e contemplouse a contratación de persoal especialista en igualdade para impulsar proxectos neste ámbito. O programa +Xuntas tamén viu incrementado o seu orzamento nun 5%, adiantando o inicio das súas accións a maio.
O compromiso coa Igualdade como eixo das políticas da Deputación reflíctese nas actividades transversais de todos os servizos, sumadas ás iniciativas do Servizo de Igualdade. Destacan programas como Mulleres de palabra(s) ou o concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?, ambos impulsados desde o Ateneo Provincial pola Igualdade.




