Estes recursos proceden do Plan +Provincia, que achega ao concello máis de 1,1 millóns de euros. Esta cifra suma os máis de 670.000 euros deste ano e un adianto de máis de 470.000 euros da liña de investimentos prevista para o 2027.
Na actualidade, non existe rede de saneamento na contorna da travesía Campiño-Caselas e no Picón, polo que as vivendas existentes empregan fosas sépticas para a xestión das súas augas residuais. Coa execución desta rede de saneamento, búscase contribuír ao desenvolvemento do municipio e á mellora da prestación dos servizos á cidadanía.
As actuacións previstas inclúen o corte do pavimento de formigón, a escavación en gabias, a execución de arquetas de rexistro e a instalación do colector de saneamento. Tamén se realizará a conexión á rede existente e a execución dun novo pavimento continuo de formigón.




