A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) manifestou o seu rexeitamento "absoluto" á campaña "Todos opinan", promovida polo Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. O sindicato considera a iniciativa "profundamente irresponsable, innecesaria e lesiva para a convivencia entre profesionais sanitarios" e esixe unha rectificación, chegando a pedir a destitución do seu presidente.
A organización sinala que a campaña, baixo o lema "Confía na ciencia", xerou "un enorme malestar e indignación entre o colectivo de enfermaría do Sistema Nacional de Saúde". Segundo a CSIF, a iniciativa "pon en dúbida e menoscaba" o labor de miles de profesionais "con plena cualificación, responsabilidade e compromiso asistencial", ao equiparar a opinión dunha enfermeira con informacións "sen rigor" difundidas en Internet ou WhatsApp.
A CSIF reprocha que unha institución colexial impulse iniciativas que "alientan o enfrontamento entre categorías profesionais e deterioran o clima de traballo na sanidade pública", cando a súa obriga debería ser promover o respecto institucional e a colaboración multidisciplinar.
O sindicato reivindicou a enfermaría como un "alcer esencial" do sistema sanitario e reclamou para este colectivo "o maior respecto institucional e profesional", concluíndo que "as campañas baseadas no descrédito ou na confrontación non teñen cabida nunha sanidade moderna, pública e orientada á calidade asistencial".




