Esta nova infraestrutura, que terá un acabado de plástico reciclado e irá pilotada ao chan, servirá como miradoiro cara ao único humidal protexido da cidade. Os operarios da empresa Zona de Obra Rosal SL xa están a realizar o desbroce e a limpeza dos terreos, paso previo á cimentación dos pilotes que darán estabilidade ao percorrido.
O proxecto, que se espera que estea rematado este verán, constitúe o primeiro dos catro tramos da Vía Verde. O "corredor ecolóxico" comezará no entorno do miradoiro de aves e continuará por un pavimento terrizo paralelo á AP-9. Desde alí, enlazará coa ponte que cruza a estrada de Vilagarcía (PO-531), antes de chegar á nave de Cicasa, do Grupo Nogar, e seguirá por varios camiños do lugar de O Riveiro.
A senda verde pasará polo Peto das Ánimas ata chegar á PO-310, a estrada que sobe a O Vao, e á EP-0017, que é o vial que sobe a Campañó. O cuarto e último tramo do percorrido desenvolverase dentro do parque forestal de A Tomba, creado polo Concello no 2021.
A obra, cun custo total de 158.954,25 euros (IVE incluído), está financiada con fondos europeos Next Generation. A futura Vía Verde entre as marismas de Alba e Campañó terá dous quilómetros de lonxitude e contará con sinalización horizontal e vertical para os usuarios. Ademais, incluirá unha área de descanso en Campañó con bancos e a concesionaria asumirá o custo da iluminación do túnel baixo a AP-9 como mellora do contrato.




