A Deputación de Pontevedra aconsellou manter o máximo nivel de vixilancia nas viñas da provincia ante a detección de novos síntomas de mildio e a persistencia de condicións climáticas propicias para o seu avance. As altas temperaturas e a humidade recente favoreceron o desenvolvemento da enfermidade, coincidindo coa fase de peche do acio na maioría das variedades.
En variedades tintas temperás xa se observan os primeiros grans que inician o proceso de envero. Estas condicións de calor e humidade tamén propiciaron a aparición puntual de novas manchas de aceite, mesmo en parcelas tratadas recentemente. O persoal técnico de Areeiro tamén identificou gromos afectados e síntomas de mildio larvado, unha situación confirmada por viticultores doutras zonas, incluída a Ribeira Sacra.
Estes síntomas poderían estar asociados a infeccións antigas que non se controlaron completamente durante a floración ou a formación inicial do froito. Ante as previsións meteorolóxicas, a Deputación recomenda intensificar a supervisión das parcelas e renovar os tratamentos fitosanitarios unicamente se aparecen novos síntomas.
O persoal técnico tamén subliñou a importancia de realizar as aplicacións de forma responsable, evitando tratamentos cando a velocidade do vento supere os 11 km/h, para asegurar a efectividade e a correcta distribución do produto sobre a superficie desexada.




